Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Moeche colabora con INS3RTEGA na reciclaxe de roupa e calzado


Moeche acaba de ampliar os servizos de recollida selectiva coa instalación de tres colectores para téxtil e zapatos, por medio dun acordo de colaboración con Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Textil de Galicia S.L. (INS3RTEGA). Desde a Concellería de Medio Ambiente dáse un paso máis no programa de reciclaxe e de redución de residuos que se foi ampliando con novos colectores de papel, de plástico e vidro, así como coa posta en marcha do servizo de recollida de voluminosos, a incorporación de colectores para o aceite doméstico e a distribución de composteiros.

Os tres colectores para roupa e calzado en desuso encóntranse xa instalados en San Ramón -ao pé dos colectores que hai preto da escola-, no lugar da Igrexa (Labacengos) e no Pereiro, en San Xurxo.

Trátase dun proxecto no que a empresa asume a instalación dos depósitos, a recollida e a valorización do material que se bote neles: prendas de vestir, téxtil do fogar e calzado, independentemente do seu estado. A firma, que ten unha compoñente de integración sociolaboral, encargarase despois de clasificar os refugallos.

Os que estean en boas condicións procesaranse para a súa reutilización -parte deles véndense a bo prezo na súa propia tenda- e os que non sexan aproveitables dedicaranse á súa valorización converténdoos en bolsos e complementos tamén para venda cunha finalidade social ou ben irán destinados a ser procesados como fíos e tecidos para a industria téxtil e para ser reciclados con outras finalidades, como por exemplo a fabricación de paneis acústicos.

A instalación inicial dos colectores é unha proba para ver que resultado dan durante uns meses. Se ten éxito, a rede de colectores podería ampliarse a outros puntos do concello.

Esta acción enmárcase no obxectivo de reducir o consumo de recursos naturais, reutilizar as prendas que estean en bo estado e reciclar os residuos para minimizar o impacto sobre o medio ambiente.

Moeche é un dos concellos que conta cun Plan de acción polo clima e a enerxía sostible. Nos últimos anos duplicouse o número de colectores de papel, de xeito que todas as parroquias dispoñan de máis dun punto de recollida selectiva deste material, ao tempo medrou o número de colectores de plástico e vidro e incorporáronse os de recollida de aceite doméstico e os composteiros domésticos. Neste último caso, o Concello presentouse recentemente ás convocatorias de axudas autonómicas para distribuír entre a veciñanza 60 novos composteiros.

En paralelo, desde o 2015, está en funcionamento un servizo de recollida de voluminosos que o ultimo xoves de cada mes presta o servizo a aqueles domicilios que previamente o solicitasen no teléfono do Concello, 981 404 006, ou a través do correo electrónico correo@moeche.gal .